lunes, 31 de mayo de 2010

E ASÍ FORON AS NOSAS ACTUACIÓNS

Aquí podedes vernos cando tocamos as pandeiretas acompañados da nosa profe Feli e de Ana Trastoy a profe de música.





E aquí na obra de monicreques "OS TRES PORQUIÑOS E O LOBO".





viernes, 21 de mayo de 2010

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS


Todos estes días tivemos moito traballo no colexio: ler e comentar os carteis que temos no corredor sobre Uxío Novoneyra, ver a exposición de libros e as ilustracións sobre a súa biografía,ler contos, poemas...






Pero, por fin chegou o día máis esperado. Hoxe celebramos na Biblioteca as Letras Galegas. Houbo actuacións moi variadas: poesía, teatro, adiviñas, cantigas e audiovisuais. Ao remate entregáronnos unha pegatina de Uxío Novoneyra e tamén o boletín informativo para levar á casa. Estivo todo moi ben.
A nós tocounos de facer a obriña "O lobo e os tres porquiños" con monicreques e tamén cantar dúas cantigas con pandeiretas: "Túa nai é meiga" e "A herba de namorar". Pero iso si, axudados pola profe de música Ana e a nosa titora Feli. Gustoulles moito a todo o alumnado e tamén aos profesores.
Aquí tedes unha pequena mostra dos ensaios e da celebración. Esperamos que vos guste.




lunes, 10 de mayo de 2010

LETRAS GALEGAS 2010



Este ano 2010 a Real Academia Galega adícalle o 17 de maio, Día das Letras Galegas, ao poeta lugués Uxío Novoneyra.

No colexio estamos facendo en todas as clases debuxos da súa biografía para colgalos na entrada do colexio. En total son oito debuxos por aula.Nós rematamos hoxe e aquí tedes a nosa mostra que podedes ver a partir de mañá na exposición.






1.- Uxío naceu o 19 de xaneiro de 1930, na pequena aldea de Parada de Moreda, nas montañas do Courel, na provincia de Lugo.

Miriam

2.- Estudou o bacharelato na cidade de Lugo e posteriormente trasladouse a Madrid para comezar a carreira de Filosofía e Letras. E é nesta cidade onde publica os seus primeiros poemas escritos en castelán.

Andrea.

3.- No ano 1952 volta a Galicia e entra en contacto con diferentes intelectuais galegos de Santiago de Compostela, o que o leva a escribir, xa a partir de entón, exclusivamente en idioma galego.

Andrea.

4.- Casou, en 1973, con Elva Rei, á que coñeceu durante a súa estadía en Lugo, e coa que tivo tres fillos: Branca-Petra, Uxío e Arturo.

Paula.

5.- Durante un tempo vive entre Lugo e o Courel ata que se establece definitivamente, dez anos máis tarde, en Santiago de Compostela.

David.

6.- Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega durante dezasete anos seguidos.

Paula.

7.- Uxío é autor de numerosos poemas, sendo os máis coñecidos e máis representativos da súa obra os recollidos baixo o título "Os Eidos", no que recompila toda a súa poesía relacionada co Courel. Escribíu tamén tres contos para os máis pequenos: "Gorgorín e Cabezón", "Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín" e "O cubil do xabarín".

Miriam.

8.- Faleceu en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999.

Fabio.

jueves, 6 de mayo de 2010

UN DÍA CON LUÍS SEOANE


Este ano cúmprense 100 anos do nacemento do destacado e polifacético artista Luís Seoane. Onte, mércores, celebramos o seu centenario dun xeito moi especial. A través dun audiovisual, Luís ( que así se chamaba o profe ), explicounos moitas cousas deste artista e todo o que fixo por Galicia. Comprobamos que foi un home moi intelixente e traballador. Levaba sempre un caderno e un lapis e en calquera lugar facía debuxos.
A continuación tivemos que debuxar un retrato de calquera do grupo. Ao final colleu un e acertamos de quen se trataba, era da profe de terceiro. Pero o que máis nos gustou foi facer un colaxe do mar. Aquí tedes o resultado:


viernes, 23 de abril de 2010

VISITAS CULTURAIS E DÍA DO LIBRO



Con motivo da festa do libro,onte fomos ao Cantón de Molíns en Ferrol visitar unha exposición da Obra Social "la Caixa" titulada "POR NARICES". Un perfumista catalán, Darío Sirerol, encargouse de elaborar, nun laboratorio, vinte e seis aromas, tanto de orixe animal ( civeta, castóreo...) como vexetal ( xasmín, laranxa, coco...) Ademais de ulir todos os aromas aprendemos moitas cousas como que os recordos olfativos permanecen máis tempo na memoria que as imaxes e os sons. Tamén que certas bolboretas nocturnas poden detectar o olor das súas parellas a varios quilómetros de distancia e que os cans teñen unha sensibilidade no seu nariz centos de veces maior que a nosa.

Despois xogamos á chave e a continuación fomos ver outra exposición no centro cultural Carvalho Calero sobre Juan Farias.Había uns paneis grandes sobre a súa vida, obra e moitas ilustracións de libros que escribíu.
















E hoxe celebración na nosa Biblioteca cun audiovisual do conto de Juan Farias que ilustrou Andrea "Cando Arturo escapou da casa", o rap do libro , unha caixa chea de libros e agasallos para todo o alumnado.

jueves, 15 de abril de 2010

CERTAME DE CREACIÓN ARTÍSTICA 2010

Este ano, como vimos facendo, participamos no Certame de Creación Artística Poesía e Imaxe.En galego, sen filtro.Tiñamos moitos poemas de distintos países para ilustrar, pero os que máis nos gustaron foron estes:

Praza vella,mariñeira,
cada baixo unha taberna.
Nos balcóns de pau azul
sécanse ao vento e ao sol
as roupas dos mariñeiros,
brancas de río e xabrón.


Ricardo Carvalho Calero

A que debo
comparar o mundo?
Á lúa,reflectida
nas gotas do orballo,
sacudidas do peteiro dunha garza.


Dogen

Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
Onde ninguén foi nin ha de ir!
O lobo!Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
Movendo nas flairas dos teixos
Ruxindo nas follas dos carreiros
En busca da vagoada máis sola e máis medosa...
Rastrexa
Párase e venta
Finca a pouta e ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca
.

Uxío Novoneyra

Ponte que levas desexos forxados con pasos de séculos,
feito de pedra e lendas que ao viaxar no teu lombo...
os pés senten as cóxegas coas caricias da túa pel,
convidando ao pasaxeiro a durmir no teu colo e soñarte para sempre.


E aquí tedes o noso traballo:


viernes, 9 de abril de 2010

CREAMOS E ILUSTRAMOS POEMAS

Como sabedes enviamos catorce poemiñas a Juana Corsina e ela publicounos no seu blog.Como os fixemos inmediatamente antes de irnos de vacacións de Semana Santa, non tivemos tempo de ilustralos; pero a nosa compañeira Andrea, que debuxa moi ben, fixo este traballo e quedaron moi bonitos, a que si?