miércoles, 23 de junio de 2010

FESTIVAL FIN DE CURSO


Chegou o día de despedirnos dos nosos profes, dos nosos compañeiros e compañeiras, amigos, persoal do comedor, conserxe; e que mellor que facelo cun festival no que participamos todo o alumnado do colexio realizando diversas actuacións e acudindo as nosas familias.
A nós tocounos de representar a obra de teatro con monicreques "O lobo e os tres porquiños" na que participamos todo o grupo. Tamén houbo un "cego" que era Paula, que cantou "Romance da Lavandeira". A profe Rosana tocaba a guitarra, a nosa profe Feli cantaba, Paula facía a mímica e tamén facía como unha marioneta. David, que facía de neno axudante, sinalaba os debuxos que correspondían ao Romance. Estes debuxos tan bonitos foron feitos pola profe Rosana.


Grazas por eses aplausos.

Esperamos que poidades ver máis fotos e vídeos noutros blogs do cole ou na páxina web.

Bicos fortes a todos e a todas e vémonos en Setembro.


FELICES VACACIÓNS!!!


martes, 22 de junio de 2010

REMATAMOS O NOSO RECANTO EXTERIOR


Por fin chegou o día, e foi precisamente o último cando rematamos o recanto que tanto desaxabamos velo listo. Xa tiñamos traballado dabondo días pasados, pero hoxe démoslle o fin. Utilizamos pedras de diferentes tamaños e cores, cachos de troncos, ramas, casca de piñeiro, plantas...Tamén gravamos os nosos nomes e o curso nunha táboa cun Pirogravador.
O resultado foi este.
Esperamos que vos guste.




jueves, 17 de junio de 2010

PLANTAMOS UN LOUREIRO NO PATIO



Por fin puidemos hoxe plantar o loureiro que había xa varios días que estaba esperando. Collemos as ferramentas axeitadas, sachos de pico e fixemos un burato profundo no terreo, puxémoslle unha estaca para que non se torcese,botámoslle auga abundante e tapamos con terra. Quedou ben dereitiño. Esperamos velo en setembro cheo de vida.





lunes, 14 de junio de 2010

FACEMOS TRABALLOS CON PASTA DE PAPEL


Como sabedes, hai días fixemos, como todos os alumnos e alumnas do colexio, papel reciclado. Tanto sobrou que non queriamos perdelo, entón fixemos diferentes traballos: caras, botes, marionetas... Iso si,tivemos que escorrer a auga e mezclar con cola branca. Gustounos facelos porque é como se traballásemos con plastilina ou barro, pero moito máis brandiño.




viernes, 4 de junio de 2010

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Mañá día 5 de Xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. O lema deste ano é :
MOITAS ESPECIES.UN PLANETA.UN FUTURO.
No noso colexio comezamos a traballar estes días en actividades de reciclado de papel, limpeza do que vai ser o noso Recanto exterior, debuxos alusivos...
Seguiremos para a semana con máis actividades que xa vos contaremos.
Temos tamén unha exposición na entrada con cartel anunciador, debuxos, libros, plantas e outros adornos. Non deixedes de visitala.



lunes, 31 de mayo de 2010

E ASÍ FORON AS NOSAS ACTUACIÓNS

Aquí podedes vernos cando tocamos as pandeiretas acompañados da nosa profe Feli e de Ana Trastoy a profe de música.





E aquí na obra de monicreques "OS TRES PORQUIÑOS E O LOBO".





viernes, 21 de mayo de 2010

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS


Todos estes días tivemos moito traballo no colexio: ler e comentar os carteis que temos no corredor sobre Uxío Novoneyra, ver a exposición de libros e as ilustracións sobre a súa biografía,ler contos, poemas...






Pero, por fin chegou o día máis esperado. Hoxe celebramos na Biblioteca as Letras Galegas. Houbo actuacións moi variadas: poesía, teatro, adiviñas, cantigas e audiovisuais. Ao remate entregáronnos unha pegatina de Uxío Novoneyra e tamén o boletín informativo para levar á casa. Estivo todo moi ben.
A nós tocounos de facer a obriña "O lobo e os tres porquiños" con monicreques e tamén cantar dúas cantigas con pandeiretas: "Túa nai é meiga" e "A herba de namorar". Pero iso si, axudados pola profe de música Ana e a nosa titora Feli. Gustoulles moito a todo o alumnado e tamén aos profesores.
Aquí tedes unha pequena mostra dos ensaios e da celebración. Esperamos que vos guste.




lunes, 10 de mayo de 2010

LETRAS GALEGAS 2010



Este ano 2010 a Real Academia Galega adícalle o 17 de maio, Día das Letras Galegas, ao poeta lugués Uxío Novoneyra.

No colexio estamos facendo en todas as clases debuxos da súa biografía para colgalos na entrada do colexio. En total son oito debuxos por aula.Nós rematamos hoxe e aquí tedes a nosa mostra que podedes ver a partir de mañá na exposición.






1.- Uxío naceu o 19 de xaneiro de 1930, na pequena aldea de Parada de Moreda, nas montañas do Courel, na provincia de Lugo.

Miriam

2.- Estudou o bacharelato na cidade de Lugo e posteriormente trasladouse a Madrid para comezar a carreira de Filosofía e Letras. E é nesta cidade onde publica os seus primeiros poemas escritos en castelán.

Andrea.

3.- No ano 1952 volta a Galicia e entra en contacto con diferentes intelectuais galegos de Santiago de Compostela, o que o leva a escribir, xa a partir de entón, exclusivamente en idioma galego.

Andrea.

4.- Casou, en 1973, con Elva Rei, á que coñeceu durante a súa estadía en Lugo, e coa que tivo tres fillos: Branca-Petra, Uxío e Arturo.

Paula.

5.- Durante un tempo vive entre Lugo e o Courel ata que se establece definitivamente, dez anos máis tarde, en Santiago de Compostela.

David.

6.- Foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega durante dezasete anos seguidos.

Paula.

7.- Uxío é autor de numerosos poemas, sendo os máis coñecidos e máis representativos da súa obra os recollidos baixo o título "Os Eidos", no que recompila toda a súa poesía relacionada co Courel. Escribíu tamén tres contos para os máis pequenos: "Gorgorín e Cabezón", "Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín" e "O cubil do xabarín".

Miriam.

8.- Faleceu en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999.

Fabio.

jueves, 6 de mayo de 2010

UN DÍA CON LUÍS SEOANE


Este ano cúmprense 100 anos do nacemento do destacado e polifacético artista Luís Seoane. Onte, mércores, celebramos o seu centenario dun xeito moi especial. A través dun audiovisual, Luís ( que así se chamaba o profe ), explicounos moitas cousas deste artista e todo o que fixo por Galicia. Comprobamos que foi un home moi intelixente e traballador. Levaba sempre un caderno e un lapis e en calquera lugar facía debuxos.
A continuación tivemos que debuxar un retrato de calquera do grupo. Ao final colleu un e acertamos de quen se trataba, era da profe de terceiro. Pero o que máis nos gustou foi facer un colaxe do mar. Aquí tedes o resultado:


viernes, 23 de abril de 2010

VISITAS CULTURAIS E DÍA DO LIBRO



Con motivo da festa do libro,onte fomos ao Cantón de Molíns en Ferrol visitar unha exposición da Obra Social "la Caixa" titulada "POR NARICES". Un perfumista catalán, Darío Sirerol, encargouse de elaborar, nun laboratorio, vinte e seis aromas, tanto de orixe animal ( civeta, castóreo...) como vexetal ( xasmín, laranxa, coco...) Ademais de ulir todos os aromas aprendemos moitas cousas como que os recordos olfativos permanecen máis tempo na memoria que as imaxes e os sons. Tamén que certas bolboretas nocturnas poden detectar o olor das súas parellas a varios quilómetros de distancia e que os cans teñen unha sensibilidade no seu nariz centos de veces maior que a nosa.

Despois xogamos á chave e a continuación fomos ver outra exposición no centro cultural Carvalho Calero sobre Juan Farias.Había uns paneis grandes sobre a súa vida, obra e moitas ilustracións de libros que escribíu.
















E hoxe celebración na nosa Biblioteca cun audiovisual do conto de Juan Farias que ilustrou Andrea "Cando Arturo escapou da casa", o rap do libro , unha caixa chea de libros e agasallos para todo o alumnado.

jueves, 15 de abril de 2010

CERTAME DE CREACIÓN ARTÍSTICA 2010

Este ano, como vimos facendo, participamos no Certame de Creación Artística Poesía e Imaxe.En galego, sen filtro.Tiñamos moitos poemas de distintos países para ilustrar, pero os que máis nos gustaron foron estes:

Praza vella,mariñeira,
cada baixo unha taberna.
Nos balcóns de pau azul
sécanse ao vento e ao sol
as roupas dos mariñeiros,
brancas de río e xabrón.


Ricardo Carvalho Calero

A que debo
comparar o mundo?
Á lúa,reflectida
nas gotas do orballo,
sacudidas do peteiro dunha garza.


Dogen

Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
Onde ninguén foi nin ha de ir!
O lobo!Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
Movendo nas flairas dos teixos
Ruxindo nas follas dos carreiros
En busca da vagoada máis sola e máis medosa...
Rastrexa
Párase e venta
Finca a pouta e ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca
.

Uxío Novoneyra

Ponte que levas desexos forxados con pasos de séculos,
feito de pedra e lendas que ao viaxar no teu lombo...
os pés senten as cóxegas coas caricias da túa pel,
convidando ao pasaxeiro a durmir no teu colo e soñarte para sempre.


E aquí tedes o noso traballo:


viernes, 9 de abril de 2010

CREAMOS E ILUSTRAMOS POEMAS

Como sabedes enviamos catorce poemiñas a Juana Corsina e ela publicounos no seu blog.Como os fixemos inmediatamente antes de irnos de vacacións de Semana Santa, non tivemos tempo de ilustralos; pero a nosa compañeira Andrea, que debuxa moi ben, fixo este traballo e quedaron moi bonitos, a que si?



viernes, 26 de marzo de 2010

A TORRE DO DIAÑO

Estes días pasados estivemos preparando unha pequena obra de teatro con monicreques para representar hoxe venres e conmemorar deste xeito o Día do Teatro. É unha obra escrita e ilustrada polo alumnado de 4º de E. Primaria. Esperamos que vos guste.





Tamén lemos poesías e ensaiamos o Romance da Lavandeira.Hoxe foi Fábio quen o cantou na Biblioteca.Estivo moi divertido.


domingo, 21 de marzo de 2010

OS MELLORES POEMAS

Hoxe, 21 de marzo é o día da poesía. Este ano varios grupos do colexio decidimos facer unha escolma de dez poemas por aula. Hai días empezamos a seleccionar para copiar, ilustrar, ler e posteriormente intercambiar con outros colexios de Ferrolterra.









viernes, 12 de marzo de 2010

DEBUXAMOS NO PATIO

É venres, toca plástica. Parece que non vai tanto frío e asoma unha raiola de sol. A proposta da profe é que podemos saír ao patio do colexio e facer un debuxo daquilo que máis nos guste.

Estupendo! Collemos papel, lapis, goma e carpeta para apoiar. Debuxamos árbores, troncos, flores..., mais non foi doado porque era a primeira vez que saiamos fóra a facer esta actividade. Pero repetirémola para ir mellorando e porque tamén nos gustou.

Aquí nos vedes en plena acción:



martes, 9 de marzo de 2010

SAÍDA AO CINE

Hoxe fomos ver ao teatro Jofre a película "El planeta del tesoro". Está baseada na novela "A illa do tesouro" de Stevenson.
Narra as aventuras de Jim polo universo como grumete a bordo dun galeón espacial.
É unha película de animación moi divertida.

Queredes saber as nosas opinións? Pois aquí as tedes:

"A min gustoume cando Jim volve coa súa familia xunto cos nenos, a capitana Amelia e o astrónomo".

Miriam

"O máis emocionante foi cando encontraron o tesouro e cando o pirata despediuse e deulle diñeiro para amañar o negocio da súa nai".

Paula

É unha película moi bonita, sobre todo cando Jim sube á táboa cando os policías o pillaron".

Fábio

"O que máis me gustou foi cando o protagonista, Jim vai polo ceo nunha táboa como se fixese snowboard".

David

"O que máis me gustou foi cando acaba a película porque o pirata deulle a Jim o ouro para a tenda da súa nai e tamén me gustou cando bailaban todos".

Andrea

viernes, 5 de marzo de 2010

Electroxogo


Hoxe xogamos con este circuíto eléctrico formado por un cable de cobre, que serve de "camiño", outro en forma de arandela, un transformador e unha bombilla. Foi feito por un ex alumno do colexio.
Collemos a arandela, que debe ir percorrendo o camiño sen tocalo. Do contrario acéndese a luz.
Parecía moi fácil, pero acendíasenos a luz con frecuencia porque hai que ter moito pulso para non fallar. Con máis prácticas melloraremos.




miércoles, 3 de marzo de 2010

Presentámonos


Eu son Paula, gústame coñecemento do medio e o meu deporte preferido é xogar cos amigos e amigas ao hóckey.


Eu son Andrea, gústame escribir contos e tamén ir ao cine.


Eu son Fábio, teño dez anos, gústanme as matemáticas e tamén xogar á buxaina.


Eu son Miriam, gústame lingua castelá e tamén nadar, bailar e cantar.


Son David, gústanme as Matemáticas e xogar cos colegas ao fútbol.