jueves, 13 de diciembre de 2012

OS NOSOS DEREITOS


O pasado luns día 10 de decembro, "Día dos Dereitos Humanos", na Hora de Ler, fomos á biblioteca e lemos o conto que fixemos entre todos na aula "Os rapaces maltratados". O conto ten que ver co dereito: " TEMOS DEREITO A TER UNHA FAMILIA QUE NOS QUEIRA"
Aquí o tedes, esperamos que vos guste.




Tamén cantamos a canción "Eu teño dereito a xogar", que nos gustou moito.
Tedes máis información no blog da biblioteca.
E máis fotos:




domingo, 11 de noviembre de 2012

CELEBRANDO O OUTONO

¡Que ricas!
crúas, cocidas e tamén asadas. Pois temos a sorte de ter tamén uns fermosos castiñeiros no patio. Hai dúas semanas saímos a coller castañas, ourizos e follas. Despois de telas a secar varios días poidemos probalas.

A profe tróuxonos algunhas cocidas.
Durante varios días realizamos moitas actividades: lemos libros do outono, de bruxas, de monstros. Trouxemos froitos do outono para poñer na exposición. Debuxamos castañas e dentro escribimos refráns, adiviñas, poemas e colgámolas no gran castiñeiro colocado na entrada.  Fixemos buxainas de madeira e aprendemos a bailalas.
Estes últimos días baleiramos cabazas para celebrar, xunto co magosto, o Samaín. 
E chegou o día! O venres desfilamos coas caveiras acesas polo corredor cantando e danzamos no salón. A continuación comemos castañas asadas con leite e rematamos con xogos no patio: baile de buxainas, atrapacastañas, o pano, carreira de castañas nas culleres e tragacastañas. Pasámolo moi ben. 


domingo, 28 de octubre de 2012

COGOMELOS NO COLE

¡Que ben o pasamos o xoves!
Visitounos Pepe, membro da Asociación Micolóxica "Viriato". Levounos uns exemplares de cogomelos de diferentes tamaños, formas e cores. Uns comestibles, outros velenosos. Os comestibles poden ser doces, picantes, ricos e riquísimos.
Explicounos moitas cousas sobre eles e que non temos que terlles tanto medo. Pero como nos dicía: "se non coñecemos, non tocamos, nin comemos". Despois desta explicación tan interesante saímos ao patio a observar en directo algunha especie. Tiñamos que mirar ao chan para non pisalos porque había bastantes.




A continuación na aula fixémoslle uns debuxos de agasallo como recordo e con dedicatoria:
" Con moito agarimo para Pepe por ensinarnos tantas cousas sobre os cogomelos"
Grazas Pepe, esperámoste o vindeiro curso.

viernes, 26 de octubre de 2012

DÍA DA BIBLIOTECA

O pasado mércores, día 24, celebramos no colexio o Día da Biblioteca. Días antes estivemos facendo debuxos para o concurso de marcapáxinas en conmemoración dese día. Da nosa clase foron seleccionados catro: o de Julio, Sabela, Alba e Joanna.
Ás doce e media subimos á Biblioteca. Alí estaban esperando Chispa e Roi. Informáronnos, entre outras cousas, da importancia que ten a LECTURA na nosa formación. A continuación vimos dous audiovisuais titulados "A castaña que rebentou de risa" e "A fantasma solitaria". Gustáronnos moito.
Xa rematado todo, unha sorpresa esperábanos na aula, Chispa deixounos de agasallo os marcapáxinas cos debuxos dos finalistas do concurso. ¡Que alegría! Grazas Chispa ! Esperámoste pronto coa maleta chea de libros.
Tedes máis información no blog da Biblio.



jueves, 20 de septiembre de 2012

A ABELEIRA


Durante estes días en Coñecemento do Medio estudamos A ABELEIRA. Saímos fóra para ver este arbusto grande que temos no patio do colexio. Fixámonos no tamaño, nos troncos, nas follas e nos froitos. Recollemos follas para prensar e tamén abelás para comer. Por certo, están riquísimas!
Isto foi o que escribimos na libreta e tivemos que memorizar:
" A abeleira é un arbusto de folla caduca, redondeada,dobremente dentada. No envés ten uns peliños e nervios moi marcados. O seu froito é comestible, a abelá. Abunda en Galicia. Este arbusto pode medir ata aproximadamente dez metros. A súa madeira úsase para facer mangos de ferramentas e tamén cestería".
Por último observamos unha folla polo envés coa lupa binocular. Gustounos moito porque poidemos ver os peliños e os nervios moi grandes.
Aquí tedes estas fotos, esperamos que vos gusten:


miércoles, 29 de junio de 2011

RECORDO DA EXCURSIÓN



Este é o recordo que nos levamos para a casa.
Seguro que non esqueceremos estes días que pasamos xuntos.
Haberá que ir pensando na viaxe do próximo curso...

EN CATAMARÁN POLO SIL

A última parte da nosa viaxe foi unha ruta no catamarán polo río Sil. O embarcadoiro, o de Doade, no Concello de Sober.
Grazas ao noso condutor, Juan, podemos ensinarvos estas fotos. Descubrimos que é un gran afeccionado á fotografía e agasallounos xenerosamente cun montón de fermosas imaxes desta ruta. ¡UN MONTÓN DE GRAZAS! : )
Estas son algunhas delas: