jueves, 13 de diciembre de 2012

OS NOSOS DEREITOS


O pasado luns día 10 de decembro, "Día dos Dereitos Humanos", na Hora de Ler, fomos á biblioteca e lemos o conto que fixemos entre todos na aula "Os rapaces maltratados". O conto ten que ver co dereito: " TEMOS DEREITO A TER UNHA FAMILIA QUE NOS QUEIRA"
Aquí o tedes, esperamos que vos guste.




Tamén cantamos a canción "Eu teño dereito a xogar", que nos gustou moito.
Tedes máis información no blog da biblioteca.
E máis fotos:




domingo, 11 de noviembre de 2012

CELEBRANDO O OUTONO

¡Que ricas!
crúas, cocidas e tamén asadas. Pois temos a sorte de ter tamén uns fermosos castiñeiros no patio. Hai dúas semanas saímos a coller castañas, ourizos e follas. Despois de telas a secar varios días poidemos probalas.

A profe tróuxonos algunhas cocidas.
Durante varios días realizamos moitas actividades: lemos libros do outono, de bruxas, de monstros. Trouxemos froitos do outono para poñer na exposición. Debuxamos castañas e dentro escribimos refráns, adiviñas, poemas e colgámolas no gran castiñeiro colocado na entrada.  Fixemos buxainas de madeira e aprendemos a bailalas.
Estes últimos días baleiramos cabazas para celebrar, xunto co magosto, o Samaín. 
E chegou o día! O venres desfilamos coas caveiras acesas polo corredor cantando e danzamos no salón. A continuación comemos castañas asadas con leite e rematamos con xogos no patio: baile de buxainas, atrapacastañas, o pano, carreira de castañas nas culleres e tragacastañas. Pasámolo moi ben. 


domingo, 28 de octubre de 2012

COGOMELOS NO COLE

¡Que ben o pasamos o xoves!
Visitounos Pepe, membro da Asociación Micolóxica "Viriato". Levounos uns exemplares de cogomelos de diferentes tamaños, formas e cores. Uns comestibles, outros velenosos. Os comestibles poden ser doces, picantes, ricos e riquísimos.
Explicounos moitas cousas sobre eles e que non temos que terlles tanto medo. Pero como nos dicía: "se non coñecemos, non tocamos, nin comemos". Despois desta explicación tan interesante saímos ao patio a observar en directo algunha especie. Tiñamos que mirar ao chan para non pisalos porque había bastantes.




A continuación na aula fixémoslle uns debuxos de agasallo como recordo e con dedicatoria:
" Con moito agarimo para Pepe por ensinarnos tantas cousas sobre os cogomelos"
Grazas Pepe, esperámoste o vindeiro curso.

viernes, 26 de octubre de 2012

DÍA DA BIBLIOTECA

O pasado mércores, día 24, celebramos no colexio o Día da Biblioteca. Días antes estivemos facendo debuxos para o concurso de marcapáxinas en conmemoración dese día. Da nosa clase foron seleccionados catro: o de Julio, Sabela, Alba e Joanna.
Ás doce e media subimos á Biblioteca. Alí estaban esperando Chispa e Roi. Informáronnos, entre outras cousas, da importancia que ten a LECTURA na nosa formación. A continuación vimos dous audiovisuais titulados "A castaña que rebentou de risa" e "A fantasma solitaria". Gustáronnos moito.
Xa rematado todo, unha sorpresa esperábanos na aula, Chispa deixounos de agasallo os marcapáxinas cos debuxos dos finalistas do concurso. ¡Que alegría! Grazas Chispa ! Esperámoste pronto coa maleta chea de libros.
Tedes máis información no blog da Biblio.



jueves, 20 de septiembre de 2012

A ABELEIRA


Durante estes días en Coñecemento do Medio estudamos A ABELEIRA. Saímos fóra para ver este arbusto grande que temos no patio do colexio. Fixámonos no tamaño, nos troncos, nas follas e nos froitos. Recollemos follas para prensar e tamén abelás para comer. Por certo, están riquísimas!
Isto foi o que escribimos na libreta e tivemos que memorizar:
" A abeleira é un arbusto de folla caduca, redondeada,dobremente dentada. No envés ten uns peliños e nervios moi marcados. O seu froito é comestible, a abelá. Abunda en Galicia. Este arbusto pode medir ata aproximadamente dez metros. A súa madeira úsase para facer mangos de ferramentas e tamén cestería".
Por último observamos unha folla polo envés coa lupa binocular. Gustounos moito porque poidemos ver os peliños e os nervios moi grandes.
Aquí tedes estas fotos, esperamos que vos gusten:


miércoles, 29 de junio de 2011

RECORDO DA EXCURSIÓN



Este é o recordo que nos levamos para a casa.
Seguro que non esqueceremos estes días que pasamos xuntos.
Haberá que ir pensando na viaxe do próximo curso...

EN CATAMARÁN POLO SIL

A última parte da nosa viaxe foi unha ruta no catamarán polo río Sil. O embarcadoiro, o de Doade, no Concello de Sober.
Grazas ao noso condutor, Juan, podemos ensinarvos estas fotos. Descubrimos que é un gran afeccionado á fotografía e agasallounos xenerosamente cun montón de fermosas imaxes desta ruta. ¡UN MONTÓN DE GRAZAS! : )
Estas son algunhas delas:

lunes, 13 de junio de 2011

LEMOS, ILUSTRAMOS E ESCRIBIMOS

Hoxe dedicámoslle un tempo a Xoán Farias. Ao chegar entramos na Biblioteca e gardamos un minuto de silencio. Logo Rosana leunos un breve fragmento do libro "Desde o corazón da mazá". A continuación baixamos para a HORA DE LER. A nosa profe leu para os de 3º e para nós un capítulo do libro "Algúns nenos, tres cans e máis cousas" titulado 40 nenos e un can. Recomendámolo porque é moi bonito. Despois fixemos unha ilustración. Máis tarde subimos e lemos as frases que están no mural do corredor do 1º andar e xa entramos na aula de informática para facer comentarios no blog da Biblioteca.
E por último para que as nosas familias tamén se enteraran de todo, levamos un boletín informativo.






domingo, 12 de junio de 2011

viernes, 10 de junio de 2011

SEMANA DO MEDIO AMBIENTE







BOSQUES:A NATUREZA AO SEU SERVIZO

Durante esta semana no noso colexio houbo unha exposición de libros na entrada da biblioteca e aproveitamos a HORA DE LER para informarnos sobre o tema. Miramos tamén en Internet e fixemos xogos moi divertidos. Pero o que máis nos gustou foi saír ao patio e coller pequenos acivros que corrían o risco de desaparecer. Estaban sobre todo debaixo dos castiñeiros e dunha abeleira. Os máis grandes levamos cada un o seu para plantar nunha maceta, no xardín ou no bosque máis cercano,e os máis pequeniños plantámolos nunha maceta grande que levaremos para fóra.
Visitamos tamén a maceira de Xoán Farias que plantamos en Outubro e sacamos unha foto.
Tivemos a "visita" no patio dunha DONICELA. Estaba ferida, pero Patricia levouna nunha caixiña á Sociedade Galega de Historia Natural para intentar salvarlle a vida. Tamén buscamos información en Internet e a profe explicounos varias cousas sobre este animaliño.







jueves, 2 de junio de 2011

EQUITACIÓN EN MANZANEDA


Aínda nos faltan fotos por chegar, pero imos publicar outro lotiño, como por exemplo as dos cabalos. ¿Que vos parece unha boa dose de equitación?

domingo, 29 de mayo de 2011

VIAXE A CABEZA DE MANZANEDA

Ola a todos e todas! Levabamos moito tempo sen dar novas, pero hoxeeeee. Hoxe temos que contarvos cousas. Acabamos de chegar da nosa excursión de Fin de curso. Estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.
Esta é unha entrada rápida porque fáltannos fotos doutras cámaras. Cando teñamos todo preparado, faremos a reportaxe completa, pero de momento, como entrante, vede estas imaxes de Monforte de Lemos, e de Cabeza de Manzaneda. Faltan fotos de moitas actividades: piscina, cabalos..., tamén da viaxe en catamarán polo Sil. Xa chegarán. Prometémolo.
PASÁMOLO XENIAL!!





miércoles, 2 de marzo de 2011

NO ENTROIDO, MOITA DIVERSIÓN

Estes días non paramos! Agora estamos con traballos do Entroido. Temos O Meco na entrada do colexio dando ordes todos os días: o luns traer un colar, o martes o colar e unha flor, o mércores o colar, unha flor e un cinto adornado, o xoves un colar, unha flor, un cinto adornado e un sombreiro e para o venres mandaranos vir disfrazados e disfrazadas con cousas feitas na casa.
¡Pois si que é mandón! Se non cumprimos a orde enfaríñanos e iso non nos gusta nada.Así que todos os días a obedecer.
Entre todos escribimos o Testamento que imos ler antes de que o Meco vaia á fogueira.


TESTAMENTO DE CUARTO

Hoxe,catro de Marzo,
festa de Entroido en Pazos,
antes de me queimar,
ídesme escoitar.
Aos de Infantil déixolles
unha campá tin tin.
Para Primeiro e Segundo
un canciño vagabundo.
A Terceiro e Cuarto
un cabalo barato.
Déixolles aos de Quinto
un coello dando un brinco.
Para os de Sexto, que se van,
déixolles mel con pan.
E agora moita atención:
Para Marta pequeniña
unha fermosa casiña.
A Dani, que non traballa
déixolle moita palla.
Para Elisa
unha caixa de pizza.
A Jose xoguetón
un gran balón.
Para Xana traballadora
unha lavadora.
A Rafa moreniño
un bonito libriño.
Para Michelle faladora
unha alfombra voadora.
A Lucía
déixolle a miña fotografía.
E por último para Feli
moitos bicos e unha peli.

VIVA O ENTROIDO!!

Tamén fixemos debuxos e sobre todo carautas en cartolina e tamén con pasta de papel. Quedaron moi chulas.
Aquí vos deixamos unhas fotos:


viernes, 25 de febrero de 2011

E...ASÍ QUEDARON


Apurando porque se acerca o Entroido e espéranos moito choio, queremos ensinarvos como quedaron os traballos que fixemos por parellas nos teares.Foi unha actividade que nos gustou moito, aproveitabamos ata os recreos para tecer. Queremos volver a facer outra mantiña, pero máis grande e cada un a súa.
Esperamos que vos gusten.


lunes, 14 de febrero de 2011

O FRÍO NON NOS ENFRÍA. COMEZAMOS


Xa co novo ano empezado, queremos tamén nós empezar a traballar este curso no noso Blog, que xa vai sendo hora! Un día por outro... pero aquí estamos para contarvos algunhas das cousas que estamos a facer.

En primeiro lugar unha foto de presentación do noso grupo de 4º de Primaria. De esquerda a dereita Dani, Lucía, Elisa, Marta, Jose, Michelle, Xana e Rafa.



Chegou o frío e continúa, por iso decidimos facer estes bonecos de neve con plastilina sobre cartolina e penduralos no corredor. Aquí tedes o resultado:



E agora, cos teares que estaban sen utilizar no armario dende había tempo, a profe decidíu poñelos en uso. E para empezar, que mellor cousa que facer unha pequena mantiña de cores.




Cando rematemos xa vos ensinaremos como quedaron.

miércoles, 23 de junio de 2010

FESTIVAL FIN DE CURSO


Chegou o día de despedirnos dos nosos profes, dos nosos compañeiros e compañeiras, amigos, persoal do comedor, conserxe; e que mellor que facelo cun festival no que participamos todo o alumnado do colexio realizando diversas actuacións e acudindo as nosas familias.
A nós tocounos de representar a obra de teatro con monicreques "O lobo e os tres porquiños" na que participamos todo o grupo. Tamén houbo un "cego" que era Paula, que cantou "Romance da Lavandeira". A profe Rosana tocaba a guitarra, a nosa profe Feli cantaba, Paula facía a mímica e tamén facía como unha marioneta. David, que facía de neno axudante, sinalaba os debuxos que correspondían ao Romance. Estes debuxos tan bonitos foron feitos pola profe Rosana.


Grazas por eses aplausos.

Esperamos que poidades ver máis fotos e vídeos noutros blogs do cole ou na páxina web.

Bicos fortes a todos e a todas e vémonos en Setembro.


FELICES VACACIÓNS!!!


martes, 22 de junio de 2010

REMATAMOS O NOSO RECANTO EXTERIOR


Por fin chegou o día, e foi precisamente o último cando rematamos o recanto que tanto desaxabamos velo listo. Xa tiñamos traballado dabondo días pasados, pero hoxe démoslle o fin. Utilizamos pedras de diferentes tamaños e cores, cachos de troncos, ramas, casca de piñeiro, plantas...Tamén gravamos os nosos nomes e o curso nunha táboa cun Pirogravador.
O resultado foi este.
Esperamos que vos guste.




jueves, 17 de junio de 2010

PLANTAMOS UN LOUREIRO NO PATIO



Por fin puidemos hoxe plantar o loureiro que había xa varios días que estaba esperando. Collemos as ferramentas axeitadas, sachos de pico e fixemos un burato profundo no terreo, puxémoslle unha estaca para que non se torcese,botámoslle auga abundante e tapamos con terra. Quedou ben dereitiño. Esperamos velo en setembro cheo de vida.





lunes, 14 de junio de 2010

FACEMOS TRABALLOS CON PASTA DE PAPEL


Como sabedes, hai días fixemos, como todos os alumnos e alumnas do colexio, papel reciclado. Tanto sobrou que non queriamos perdelo, entón fixemos diferentes traballos: caras, botes, marionetas... Iso si,tivemos que escorrer a auga e mezclar con cola branca. Gustounos facelos porque é como se traballásemos con plastilina ou barro, pero moito máis brandiño.




viernes, 4 de junio de 2010

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Mañá día 5 de Xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. O lema deste ano é :
MOITAS ESPECIES.UN PLANETA.UN FUTURO.
No noso colexio comezamos a traballar estes días en actividades de reciclado de papel, limpeza do que vai ser o noso Recanto exterior, debuxos alusivos...
Seguiremos para a semana con máis actividades que xa vos contaremos.
Temos tamén unha exposición na entrada con cartel anunciador, debuxos, libros, plantas e outros adornos. Non deixedes de visitala.